Protagonistas

Mara Esmorís, de Lily & White: “Usamos Instagram para o público local e Facebook para o nacional”

Mara Esmorís, enxeñeira química, comenzou a súa carreira profesional en grandes multinacionais dentro e fora de España, sempre no ámbito da cosmética. De esta etapa aprendeu moitas cousas, entre elas, que “a cosmética convencional deixa moito que desexar” porque  priman as estratexias de marketing e os márxenes de beneficios, algo que non encaixa co xeito que ten Mara de entender esta disciplina das ciencias da saúde centrada no cuidado da pel.

Por iso, durante a súa etapa en Barcelona onde cursou un master de cosmetología e dermofarmacia e traballaba para unha coñecida marca, “xurdiu a idea de crear unha tenda na que seleccionar e vender só produtos e marcas boas, que non requiran ao consumidor ter que ler unha longa lista de ingredientes para ver se hai algunha sustancia nociva ou non”.

mara002

“O noso target non é todo o mundo, senón a xente interesada en coidarse de verdade”
Mara empezou a roubarlle horas ao soño e en 2013 puxo en marcha Lily & White como tenda en liña, compatibilizándoo co seu traballo por conta allea. En 2015 tomou a decisión definitiva de dedicarse en corpo e alma ao seu proxecto de alta cosmética orgánica, regresando a casa e montando na Coruña a tenda física, a pata que faltaba a Lily & White, un tipo de negocio  que abunda en cidades como Londres pero que é moi novo en Galicia.

Na tenda situada no Orzán asesora de xeito moi persoal a cada cliente e ademais ofrece tratamentos faciais, corporais e masaxes relaxantes. Tamén celebra talleres de automasaxe facial e automaquillaje, e charlas sobre cosmética tanto xeral como orgánica.

mara4“Encarguei a reforma do local a un amigo arquitecto antigo compañeiro do colexio, enseguida entendeu o que quería e desde que abrimos tivo moi boa acollida”, explica Mara. Situar a tenda no Orzán foi en parte polos inasumibles prezos de aluguer das zonas comerciais máis habituais, pero agora Mara alégrase do descubrimento deste barrio da cidade, que “está a empezar a rexurdir, está moi ben situado e ten encanto”, asegura. Ademais, explica que “o noso target non é todo o mundo, senón a xente interesada en coidarse de verdade”, polo que perde sentido situarse nos núcleos comerciais de afluencia masiva.

Lily & White é un claro exemplo da retroalimentación entre as canles de venda on line e off line, incluída a visibilidade que obtén grazas ás redes sociais. “Algúns clientes locais chegan ata nós porque buscan unha marca na internet, atopan a nosa web e descobren que temos tenda física na Coruña, co que enseguida veñen por aquí”. E viceversa: os que están de paso pola cidade “entran na tenda e ao ver que lles aconsellamos honestamente e non tentamos venderlles moito e sen xeito, xérase unha confianza pola que nos seguen comprando a través de internet”.

Porque Mara foxe de vender “produtos que logo non se usan e están mortos de risa nun andel” e prefire que os seus clientes, aos que aconsella como ao amigo, “se váian contentos e ben orientados con dous produtos a que leven cinco e non volvan”.

Mara valora moito o boca orella das redes sociais: “Instagram usámolo para o público da Coruña e Facebook orientámolo a nivel nacional, así atendemos os dous mercados de xeito específico”. Destaca o beneficio que para ela supón “cando unha persoa cómpranos algo na tenda física, sen comentar moito, e logo atópome que compartiu un post noso no seu Instagram con 15.000 seguidores”.

FICHA:

WEB: http://lilyandwhite.com
FACEBOOK: https://www.facebook.com/lilyandwhite
INSTAGRAM: https://www.instagram.com/lily_and_white/

Síguenos

Nas redes