Protagonistas

Maika Iglesias, de Myka Deco: “Cando acabas algo e ves o resultado, dáche un subidón que merece a pena”

myka2Maika Igrexas aglutina vinte anos de experiencia en interiorismo e tres ao mando da súa propia empresa. Deu o salto con certos medos, o normal despois de tantos anos de traballar por conta allea: “Foi unha aposta arriscada, perdes a sensación de seguridade, pero sabía que era agora ou nunca, e vinme emocionalmente preparada”. A resposta dos moitos clientes que conserva da súa anterior etapa e os que chegan a través do seu novo proxecto demóstralle que acertou, tamén no como e o onde.

Myka Deco atópase nunha das actuais zonas cool de Santago de Compostela, xurdida ao redor dun reinventado Mercado de Abastos convertido nunha pequena Meca para os amantes dos produtos frescos de calidade e a boa gastronomía. Maika destaca o “luxo de facer a compra aquí a diario” e “o bo ambiente” entre os propietarios de vellos e novos negocios.

“Cando buscaba instalarme no casco antigo a xente me dedía que estaba tola, que non era unha boa localización comercial, que era difícil aparcar… pero para min é un privilexio absoluto estar nesta contorna, cando vin o edificio sentín ben, sabía que este era o meu sitio, e ademais os fins de semana isto ponse a lume de biqueira, é un público interesado polas novas tendencias que me coñece porque estou aquí e afortunadamente a xente está a volver a descubrir o centro histórico de Santiago”.

“Estou a reformar unha terraza nun piso de Vigo e un restaurante preto de Bertamiráns grazas a que me atoparon en Facebook”

Ao ser un inmoble protexido polo seu valor patrimonial, non é posible ter escaparate e certa señalética exterior, polo que Maika tira de enxeño e bo gusto para atrapar ao viandante. “Na planta baixa teño a tenda de artigos decorativos e arriba o estudo, ao redor da lareira, e un salón a modo de showroom onde atendo aos clientes e senten coma se estivesen na súa casa, café incluído”, explica. No exterior, “colgo unhas flores en cestos de praia ou saco os artigos de decoración á rúa”, e logra que mesmo os turistas díganlle que “parece unha tenda de Londres”.

myka3Outros aliados tanto ou máis eficaces para darse a coñecer son as redes sociais, neste caso Facebook, Instagram e Pinterest. “Estou a reformar unha terraza nun piso de Vigo e un restaurante preto de Bertamiráns grazas a que me atoparon en Facebook”, sinala. Agora traballa na reforma da súa web, para mostrar os seus últimos proxectos tanto de vivendas como de hoteis, locais e todo tipo de espazos.

Entende que estas ferramentas en liña ben traballadas e unidas ao trato personalizado on e off line son imprescindibles para o crecemento do seu negocio: “Eu vendo ilusión e emocións, e son capaz de facelo porque este traballo é a miña paixón, doutro xeito sería imposible”. Subliña a especial relación con cada cliente: “Acabas sabendo moitas cousas eles porque necesitas reflectir a súa identidade e os seus modos de vida no proxecto que che encargan, cada casa é única para min”. Non nega que detrás tamén hai sacrificio e momentos duros, pero “cando acabas algo e ves o resultado, dáche un subidón que merece a pena”.

FICHA:

WEB: http://www.mykadeco.com
FACEBOOK: https://www.facebook.com/MYKADeco
PINTEREST: https://es.pinterest.com/mykadeco
INSTAGRAM: https://www.instagram.com/mykadeco_

Síguenos

Nas redes