Protagonistas

Le Petit Coin: A maxia das boutiques francesas na zona vella compostelá

 

O proxecto Le Petit Coin foi posto en marcha por Adriana Asorey no Nadal do ano 2016. Compostelá, licenciada en Económicas e especializada en Política Económica Internacional, decidiu retornar a Santiago dende Bruxelas, onde traballaba como consultora tecnolóxica para a Comisión Europea, e poñer en marcha o seu propio proxecto.

Le Petit Coin é un comercio especializado en roupa e decoración infantil que dá prioridade a novos creadores do país e prima a calidade dos tecidos e do deseño ao tempo que fuxe dun produto máis convencional. Todo isto vai envolto nunha estética moi coidada que recorda á das pequenas boutiques francesas, no marco incomparable dunha das principais rúas do casco histórico de Santiago de Compostela: a Rúa Nova.

Adriana, que vén de recibir por Le Petit Coin o Premio do Comercio Galego 2018 á provincia da Coruña, involúcrase en todas as fases, ademais de seleccionar coidadosamente as marcas, produtos e exposición, encárgase da vertente máis tecnolóxica de Le Petit Coin, que conta cunha e-shop e venda a través de redes sociais.

“A web é unha parte fundamental do proxecto, nela conseguimos entorno ao 50% da facturación. Tanto as redes sociais como a web son esenciais para a boa marcha do negocio.”

Cumpridos os primeiros dous anos deste proxecto, conta cunha forte clientela autóctona, á que se suma un importante volume de negocio da venda online, con especial presencia en Francia, Holanda e Alemaña.

Atrae aos clientes a través dunha actividade constante e diaria en redes sociais, ademais de sorprendela con novidades mensuais. Converte eses novos compradores en fieis a través de distintas iniciativas como promocións e descontos para as seguintes compras ou os envíos gratuítos na comarca.

Grazas ao tráfico web que nace en Instagram e Facebook, Le Petit Coin está notando un incremento moi forte nas súas vendas. “A web é unha parte fundamental do proxecto, nela conseguimos entorno ao 50% da facturación. Tanto as redes sociais como a web son esenciais para a boa marcha do negocio. Le Petit Coin está presente en Instagram, Facebook e Google+, onde mantemos unha actividade diaria e interactuamos cos nosos clientes”, comenta.

A tenda física, pola súa parte, conta cunha estética moi coidada, “diferente ao resto de tendas da cidade, que lembra ás pequenas boutiques francesas e o seu encanto. Un espazo limpo, luminoso, aberto e cálido no que todo o que nos visita se sinte a gusto e con ganas de volver”. Neste sentido, Adriana conta: “Unha frase dá a benvida a todo o que nos visita pola tenda ‘Todo gran soño comeza cun soñador’, porque Le Petit Coin, en parte, foi un soño. E na saída, outra frase despide aos nosos clientes ‘Agora xa sabes por que Peter Pan non quería medrar’”.

De cara ao medio prazo, explica que quere seguir fidelizando clientela e continuar apostando forte pola combinación de comercio electrónico e comercio de proximidade.

En relación ás iniciativas da Xunta de cara ao comercio de proximidade, comenta: “Parécenme xenial porque che dan folgos para seguir traballando e apostando polo teu proxecto e amosar que hai outras maneiras de traballar e achegar o teu produto ao cliente. Parécenme unha marabilla os Premios do Comercio Galego, sobre todo polo orgullo e alegría de recoñecer un traballo ao que lle dedicamos tantas horas”.

 

FICHA:

WEB: https://lepetitcoinboutique.com/
FACEBOOK: https://www.facebook.com/lepetitcoinboutique/
INSTAGRAM: https://www.instagram.com/lepetitcoinboutique/

 

Síguenos

Nas redes