Comercio 360 Novas Tendencias

A Xunta impulsa tres novas liñas de apoio á dixitalización por 16 M€ para facilitar a reactivación do comercio, autónomos e pemes

A Xunta activa tres novas liñas de apoio á dixitalización do comercio, o colectivo autónomo e as pequenas e medianas empresas por 16 millóns de euros para facilitar a súa adaptación á situación derivada da covid-19 e, polo tanto, a reactivación do tecido produtivo galego. Así, como recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG), a partir de mañá poderanse solicitar as axudas do programa dos cheques de dixitalización e do Galicia Exporta Dixital, aos que o Goberno galego destina nestas convocatorias 7 e 3,6 millóns de euros, respectivamente. Ademais, a próxima semana activarase unha nova convocatoria das axudas á dixitalización, dotada con 5,4 millóns de euros.

As dúas liñas publicadas hoxe, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, están dirixidas a impulsar os procesos de dixitalización máis axeitados que permitan ao comercio, autónomos e ás pequenas e medianas empresas reforzar a súa actividade. Así, mentres o Galicia Exporta Dixital, que por primeira vez tamén se abre ao sector do comercio, promove a súa expansión internacional a través de novas canles de comercialización a partir de ferramentas dixitais innovadoras, os cheques de dixitalización teñen en conta de maneira especial as necesidades do tecido empresarial situado no ámbito rural, a economía social e o impulso do traballo a distancia.

 

Teletraballo e impulso do rural

Destinado a microempresas, entidades de economía social e agrupacións empresariais, o programa de cheques de dixitalización achegará axudas do 80% dos investimentos realizados por proxectos que teñan como obxecto a implementación de tecnoloxías dixitais para a adaptación á situación provocada pola covid-19, como o teletraballo, as solucións de conectividade no eido rural, ou sistemas de notificación e de control sanitario e aforo, entre outros mecanismos.

Neste sentido, as axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e os gastos realizados deberán ser dun mínimo de 1500 euros e un máximo de 12.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde mañá ata o vindeiro 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito.

 

Internacionalización

No que respecta ao Galicia Exporta Dixital, a convocatoria que se abre hoxe conta cunha dotación de 3,6 millóns de euros, que se suman aos 2 millóns de euros da convocatoria anterior tamén activada este ano. Esta nova edición incorpora como novidade destacada que os comercios polo miúdo poderán acollerse ás axudas. Así, pemes e comerciantes poderán obter apoios para a realización de diagnósticos de potencial exportador; plans de internacionalización dixital multicanle; plans de mercados electrónicos concretos; a creación e adaptación de tendas en liña e catálogos en liña para o márketing e vendas en mercados electrónicos obxectivo ou a adquisición de software específico, entre outros. As axudas, en concorrencia non competitiva, achegarán o 80% dos investimentos realizados e o prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde mañá ata o vindeiro 30 de novembro ou ata o esgotamento do crédito.

 

Plan de reactivación económica

Estas medidas forman parte do Plan de reactivación económica que vén de poñer en marcha o Goberno galego. O obxectivo é facilitar a recuperación do tecido produtivo e que poida incrementar a súa competitividade, adaptándose ao novo contexto económico derivado da covid-19.

O Plan tamén inclúe a nova convocatoria das axudas á dixitalización, que se activará a próxima semana e á que se destinarán 5,4 millóns de euros, co obxectivo de facilitar a modernización e mellora da competitividade das pemes través da interconexión dixital entre compañías vinculadas pola súa actividade e a dixitalización de procesos produtivos, ao tempo que se impulsa a xeración de iniciativas de colaboración.

Promovendo proxectos colectivos e individuais, as axudas desta liña poderán acadar o 20% dos investimentos realizados por medianas empresas e o 30% no caso das empresas pequenas. Os gastos de colaboracións externas (consultorías e asesoramento) recibirán un 50% de apoio. Esta iniciativa inclúe unha subliña que impulsa a realización de cursos de dixitalización, que incentivan a creación de espazos de colaboración entre compañías para explorar solucións tecnolóxicas e a implementación de ferramentas dixitais colaborativas, así como oportunidades de hibridación entre sectores produtivos. Estes espazos están financiados ao 100%.

 

Ampliación de prazos de presentación de solicitudes dos Galicia Exporta

Co obxectivo de apoiar os esforzos que están a realizar as empresas e as agrupacións empresariais para a mellora da súa presenza internacional e de minimizar os prexuízos ocasionados pola cancelación de eventos promocionais e viaxes de prospección, a Xunta vén de ampliar ata o vindeiro 17 de xullo os prazos de presentación de solicitudes para as axudas dos programas Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios. Como publicou onte o DOG, tamén se prolonga a data límite de execución de proxectos e se estenden ata o 15 de novembro deste ano ou ata o 30 de novembro de 2021, segundo os casos.

Síguenos

Nas redes