O coruñés Óscar Vales encarna coma ninguén a forza dunha ilusión. A pesares de que a súa ascendencia familiar no fútbol profesional parecía encamiñalo irremediablemente cara ese mundo, a el o que lle entusiasmaba era o surf. A base de moito insistir, a primeira táboa chegou aos seis anos e aos quince cambiou definitivamente os campos de herba polas olas do mar. “Xa entón gustábame o marketing e aos 17 anos tiña claro que quería montar a miña propia marca”, como non, vencellada a un deporte que implica un xeito de entender e vivir a vida.
Ao rematar os seus estudios de Administración e dirección de empresas foise a California a seguir formándose, pero cando viu toda a actividade emprendedora que alí había arredor do surf non quixo perder un minuto. “Aínda que meus pais me dicían que continuara coa miña formación nos Estados Unidos, en poucos meses volvín á Coruña e montei a empresa en 2005, aínda que aquí todo o mundo me dicía que o surf non tiña futuro”. É do que se amosa máis orgulloso, de ter visto todo o que estaba por vir neste deporte e o que o rodea.
Por iso a primeira tenda Vazva naceu asociada a unha escola de surf na praia do Orzán e desde as súas mútiples canles na internet alimenta a cultura surfeira, o skateboarding, o punkrock e a arte en xeral. Utilízaas para empatizar cos seus públicos, os mesmos que van ás tendas para buscar cada quince días algo novo e que se saia do estándar, que fomente o Made in Europe, a calidade, e a conciencia social e sustentable de verdade, non de boca para fóra, aínda que iso supoña pagar algúns euros máis, sen pasarse.
Polo camiño houbo vaivéns e algúns sustos dos gordos, porque a crise tamén pasou factura, pero dela aprendeu a importancia de controlar todos os aspectos da xestión empresarial con bases moi firmes, encartando velas cando foi preciso e reinventándose para coller impulso e volver crecer. “Nos momentos máis duros do negocio, cando pensas en abandonar, a nivel emocional a miña familia foi clave, lembráronme que sempre hai unha segunda oportunidade”, explica. Outra clave esencial foi a potenciación das tecnoloxías da información para mellorar a xestión das tendas e da cadea loxística, o que lle permite ser moito máis eficiente en todos os aspectos e fornecer á súa rede de tendas colaboradoras en 24 horas, evitando que apalanquen stock e posibilitando a renovación permanente das coleccións. A isto engádese a venda en liña directa ao consumidor, que este ano ampliará a varios países de Europa.
FICHA:
WEB: http://www.vazva.es/
FACEBOOK: https://www.facebook.com/vazvabook/
INSTAGRAM: https://www.instagram.com/vazvagram/
TWITTER: https://twitter.com/vazvatw?lang=es
VIMEO: https://vimeo.com/vazva
YOUTUBE: https://www.youtube.com/user/VazVatube