Comercio 360 Novas Tendencias

Conde destaca nos Premios do Comercio Galego o compromiso do sector por innovar e responder ás novas demandas dos clientes

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asiste á entrega dos Premios do Comercio Galego 2019.

 

  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, subliña o papel cohesionador e integrador que xogan os establecementos de proximidade nas vilas e cidades galegas
  • O vindeiro ano destinaranse 5,6 millóns de euros á iniciativa Comercio 360, coa que se aposta pola dixitalización e a sustentabilidade
  • Tamén se reforzará o comercio no rural, coa creación de puntos de recollida, e avanzarase na consolidación da Rede de Comercios e Mercados no Camiño
  • O Premio Comercio Galicia recoñece a traxectoria de Lolita Moda, un negocio familiar con orixe en Noia que conta con oito establecementos e tenda en liña
  • Olivares Shoes & Bags, empresa de venda polo miúdo de produtos de moda de muller fundada en Ferrol, obtén o Premio Comercio A Coruña
  • Na provincia de Lugo distínguese a Albo Zapaterías, de Viveiro, que con preto de 65 anos de traxectoria soubo anticiparse aos cambios experimentados no sector
  • En Ourense prémiase a 4Elementos, centrada na moda urbana e o calzado deportivo, e na provincia de Pontevedra a gañadora é a viguesa Mkkdes, que naceu primeiro na rede
  • A Fundación Santiago Centro recibe o premio Iniciativa Dixital para asociacións de comerciantes pola posta en marcha de diversas accións estreitamente vinculadas coa transformación dixital

 

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe na entrega dos Premios do Comercio Galego 2019 o compromiso do sector por innovar e responder ás novas demandas dos consumidores. Neste sentido, Conde sinalou a necesidade de poñer o cliente no centro da estratexia. Esta é a filosofía que guía Comercio 360, iniciativa coa que a Xunta aposta tanto pola dixitalización como pola sustentabilidade, e á que se destinan 5,6 millóns de euros nos orzamentos de 2020. Ademais, tal e como sinalou Conde, o vindeiro ano reforzarase o comercio no rural, coa creación de puntos de recollida que permitan ter unha actividade máis competitiva, e avanzarase na consolidación da Rede de Comercios e Mercados no Camiño. Tamén se contemplan apoios para mercados e espazos comerciais ou a promoción de produtos galegos con especial atención á artesanía.

O conselleiro, que destacou o papel cohesionador e integrador do comercio de proximidade nas cidades e vilas galegas, sinalou que os establecementos premiados hoxe son exemplo da importancia de adaptarse aos novos tempos, transformando os negocios seguindo o ritmo das necesidades dos consumidores e empregando as mellores ferramentas dispoñibles para alcanzar ese obxectivo.

Os Premios do Comercio Galego 2019 distinguen os establecementos a nivel provincial e autonómico que na súa xestión comercial executan accións innovadoras que comporten unha clara diferenciación e unha mellora na fidelización e a personalización do servizo e do produto. Para iso, valórase a transformación dixital, os servizos engadidos á propia oferta comercial, accións promocionais especiais e utilización de ferramentas tales como a web e as redes sociais como canles de comunicación e venda e a integración entre as canles on line e off line. O Premio Comercio de Galicia está dotado cunha contía de 9.000 euros; o Premio Comercio Provincial, cunha contía de 4.000 euros por provincia; e o Premio Iniciativa Dixital para asociacións de comerciantes, cunha contía de 2.000 euros.

O Premio Comercio de Galicia 2019 recaeu en Lolita Moda, que xorde en Noia en 1960 como un negocio familiar. Actualmente dispoñen de oito tendas físicas (tres delas especializadas en nenos) en Boiro, Noia, Ribeira, Bertamiráns (Ames) e Pontevedra. No 2014 lanzan a súa tenda on line, con máis de 50 marcas e 7.000 referencias.

No tocante ao premio provincial da Coruña, obtívoo Olivares Shoes & Bags, empresa de venda polo miúdo de produtos de moda de muller. Fundada en Ferrol no ano 2010, conta tamén con establecementos na Coruña e Santiago, e dispón de venda en liña.

Na provincia de Lugo, resultou gañador Albo Zapaterías, unha empresa familiar de Viveiro con preto de 65 anos de traxectoria e que soubo anticiparse aos cambios experimentados polo sector nos últimos anos. Na actualidade contan con catro tendas situadas no casco histórico de Viveiro. Albo Shop Online opera en toda España así como en seis países da Unión Europea.

En Ourense prémiase a 4Elementos, centrada na moda urbana e o calzado deportivo, e que conta despois de dez anos con cinco tendas físicas situadas en Ourense, Vigo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Madrid, ademais da tenda en liña.

O Premio Comercio Pontevedra é para Mekkdes, unha tenda que nace en 2011 a través da súa web, e que, despois de vender en establecementos multimarca de toda España, en abril de 2018 abre a súa primeira tenda física en Vigo.

O premio Iniciativa Dixital para asociacións de comerciantes recaeu na Fundación Santiago Centro-Área Comercial, pola posta en marcha de diversas accións estreitamente vinculadas coa transformación dixital, entre as que destacan a creación do Grupo de Comercio Innovador, a posta en marcha dunha plataforma online de venda conxunta de produtos en outlet, ou a distribución mensual dun boletín de innovación.

 

Síguenos

Nas redes