Protagonistas

O mellor do mar na rede grazas a Del Mar Al Plato

Del Mar al Plato naceu a finais de 2014 da man de Borja Conejero e Elena Gainzarain. Viñan do ámbito bancario e da industria da automoción, sectores que non lles acababan de enchar, e por iso se embarcaron nunha aventura máis emocionante que lles permitiría medrar, tanto no ámbito profesional como persoal. Despois dunha análise DAFO, viron que sería posible para eles darlle un xiro ao modo en que se comercializan os produtos do mar galegos máis aló das nosas fronteiras. Agora, Del Mar al Plato vén de ser galardoada co Premio Comercio de Galicia 2018, dotado con 3.000 euros.

O seu ambicioso obxectivo a medio prazo, nas súas propias palabras, é “ser percibidos polo consumidor como a referencia que satisfai as súas necesidades en produtos derivados da pesca galega sostible, a través da innovación, da garantía dun suministro de calidade e dun servizo completo eficiente”.

Atraen aos clientes ofrecendo produtos premium cun servizo personalizado, unindo boa materia prima cunha preocupación moi palpable por satisfacer ao cliente. Neste sentido, aseguran que a mellor forma de comercialización é que sexan os propios clientes quen dinfundan as bondades da súa marca.

“A mellor forma de comercialización é que sexan os propios clientes quen difundan as bondades da túa marca.”

Para fidelizar ao cliente da súa tenda online, Elena pon un exemplo moi clarificador: “Cobramos aos clientes só polo que consumen. Se nos piden unha merluza de 1,5 kg a 2 kg, e pagan por unha de 2 kg, imos á lonxa de madrugada e mercamos a mellor peza. Antes de preparar a merluza segundo as indicacións do cliente, pesámola e facemos a factura. Se pesou 1,8 kg, voltámoslle instantaneamente a diferenza”. Pero tamén executan promocións como os cupóns desconto ou as “ofertas flash de packs”, personalizadas segundo o histórico de compras.

A súa filosofía busca que o seu cliente disfrute o seu produto e servizo ao tempo que percibe que lle fan a vida máis sinxela, sumando claridade e facilidade de compra coa oportunidade de ofrecer contacto directo co cliente.

Ademais das promocións da tenda online, na tenda física ás veces fan packs de ofertas flash a última hora da mañá, para garantir a máxima frescura.

Aproximadamente o 60% das vendas son a restaurantes, o resto procede do comercio ao detalle. En relación a isto, comentan: “As dúas canles compleméntanse, xa que teñen a súa propia estacionalidade. Por exemplo: no mes de decembro, a actividade principal é ao detalle e no de agosto, maiorista”.

Os produtos con mellor acollida son a merluza e os peixes salvaxes, o marisco fresco das rías e as conservas, ao que se lle está sumando a carne. Este ano engadiron á súa lista de produtos a carne de tenreira galega de leite materno, o que permite aos clientes recibir peixe, marisco e carne ao mesmo tempo. “Para 2019 queremos dar un paso máis e incorporar a tenreira galega á nosa tenda online”, comenta, e espandiranse a novos mercados europeos, despois da boa aceptación dos seus produtos nos 14 países da UE aos que xa comezaron a exportar en 2018. Ademais, lanzarán un plan de expansión para a canle de venda a restaurantes, co que aspiran a duplicar en 2019 as vendas B2B de 2018.

En canto ao comercio galego de proximidade, consideran que é fundamental “traballar no duo ‘oferta + servizo’, impulsar a dixitalización e a presenza en todas as canles e ofertar unha experiencia de compra diferenciada, baseada na innovación e nunha imaxe atractiva”.

Sobre as redes sociais, comentan: “Permíntennos aumentar a base de clientes mediante a construcción dunha presenza en liña. En case todas as redes sociais podemos crear campañas de marketing cun público obxectivo personalizado ao que nunca poderíamos chegar a través da publicidade local”.

Aseguran que non contaban con levar o premio, que lles parece “unha excelente ferramenta para crear comunidade entre os comerciantes, un medio para coñecernos mellor e para estimular a excelencia entre nós. Para os premiados ten o engadido de promocionar as nosas marcas, ofrecéndonos un plus de visibilidade”.

 

FICHA:

WEB: https://delmaralplato.es/
FACEBOOK: https://www.facebook.com/delmaralplato
INSTAGRAM: https://www.instagram.com/lepetitcoinboutique/
TWITTER: https://twitter.com/delmaralplato
LINKEDIN: https://www.linkedin.com/company/10997111

Síguenos

Nas redes