Protagonistas

Alba Mariño, de QUENLLA: “Comezamos a venda en liña porque nos preguntaban por ela”

quenlla2Como a tantos, a crise obrigou a Alba Mariño a reinventarse, despois de bastantes anos traballando no ámbito do urbanismo. “Aquí non había futuro no meu sector, a opción era irme fora ou dar o paso de montar a miña vida traballando para min”. E elixiu o segundo, cunha idea de negocio baseada nunha reflexión moi sinxela: “Pregunteime que me apetecería facer sempre, tamén se non tivese que traballar, e a resposta foi: regalar cousas bonitas, e niso centrei Quenlla”, que ofrece obxectos de decoración, bixutería e roupa infantil.

A tenda de Alba é un exemplo dos novos negocios xurdidos en torno ao Mercado de Abastos de Santiago de Compostela, un espazo comercial e de lecer que conserva a esencia destes puntos de encontro de permanente vaivén, pero que respira novas tendencias e modos de ser. “Desde pequena sempre me encantaba o ambiente do Mercado de Abastos, así que me instalei nun espazo do seu exterior, que logo ampliamos”.  Vende produtos diferentes, feitos en España e Portugal con materiais de calidade, con deseño europeo.

“Eu moitas veces non sei se é mércores ou venres, somos felices así, aínda que traballemos moitas horas”

Sen ser demasiado caros, os seus artigos nadan nas antípodas da produción masiva low cost, e moitas veces son creacións de novos artistas que se forman en Santiago: “Cando explico quen o fixo e como o fixo, entón valórano e entenden o prezo”.

Recoñece que algunhas persoas parécelles ousado o paso que deron ela e o seu marido, que tamén respondeu ao desemprego montando unha tenda de calzado non moi lonxe de Quenlla. “Vós mirades ao medo á cara”, é o comentario dunha amiga, cando pensa neles e na súa filla de moi curta idade. Alba non dubida do acerto: “Teño amigos que se poñen malos cando chega o domingo pola tarde, pensando en que o luns teñen que volver traballar, e eu moitas veces non sei se é mércores ou venres, somos felices así, aínda que traballemos moitas horas”.

“O ecommerce é un complemento que non resta á tenda física, todo o contrario”

As redes sociais e a venda en liña son imprescindibles para Quenlla. Por iso traballan intensamente en reactivar estas canles -a tenda electrónica e os perfís de Facebook, Instagram e Twitter- que se viron indirectamente afectados por unha incidencia técnica sufrida polo provedor tecnolóxico.

“Comezamos a venda en liña porque tanto os nosos clientes turistas como os de aquí preguntábannos por ela, necesítana para seguir comprando a distancia, ou para ver a mercadoría, a súa dispoñibilidade, características e prezo, coa comodidade do pago en liña… son un complemento que non resta de que veñan á tenda física, todo o contrario”. Pon como exemplo os cruceristas de países como Rusia, que buscan obxectos galegos que se escapen do souvenir convencional e que logo queren seguir comprando desde o seu país. “É o modo que teño de fidelizarlos, é a nosa mellor visibilidade e o noso mellor boca a boca, tamén para os de aquí”.

FICHA:

FACEBOOK: https://www.facebook.com/quenllacompostela/?fref=ts
INSTAGRAM: https://www.instagram.com/quenllascq/

Síguenos

Nas redes