A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, presentou esta mañá na Coruña esta publicación, que se distribuirá en tendas, locais de hostalería, revistas especializadas e outros puntos de interese. Cun coidado deseño e presentación, o catálogo prima as fotografías de escenas nas que se mesturan diferentes pezas artesanais como protagonistas da imaxe
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, acompañada pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, presentou esta mañá na Coruña o catálogo de produtos da marca Artesanía de Galicia co que se pretende dar un novo pulo á promoción das pezas artesanais como elementos da vida diaria, tanto no ámbito do interiorismo e decoración como no da xoiaría, moda e complementos. O acto tivo lugar no espazo de D-Raíz -obradoiro inscrito no rexistro de Artesanía de Galicia-.
A publicación, de 55 páxinas, caracterízase polo seu deseño e unha coidada maquetación, e outorga unha especial relevancia ás fotografías, que amosan escenas cotiás nas que a artesanía galega é a protagonista das imaxes. Ofrécese unha imaxe contemporánea do sector artesán galego, mesturando tradición e modernidade. Búscase amosar a heteroxeneidade do sector e poñer en valor a incorporación da artesanía no día a día, ocupando protagonismo nos fogares, na hostalería e na imaxe persoal, xa que o seu uso outorga personalidade, un toque de exclusividade e autenticidade.
A edición deste catálogo, que se distribuirá en tendas, locais de hostalería, revistas especializadas e outros puntos de interese, ademais das feiras internacionais nas que participa a marca, e enmárcase nas diferentes actuacións de promoción que vén desenvolvendo Artesanía de Galicia para dar a coñecer o sector e destacar a calidade, deseño e exclusividade dos produtos artesáns. A súa versión dixital pódese descargar aquí.
As pezas que aparecen neste catálogo como mostra do sector artesán foron feitas e deseñadas por un total de 66 obradoiros. Estes artesáns representan oficios como a marroquinería, a olería e a cerámica, a forxa, a cestería contemporánea, o téxtil, o encaixe ou a tornería de madeira. Ademais inclúese tamén a elaboración de redes ou pezas de miga de pan, colares, coitelos, a xoiería, o calzado, a pintura téxtil, os bonecos e xoguetes e os instrumentos musicais, así como a elaboración de bicicletas e táboas de surf, cadros e lámpadas.