Unha tenda online permite vender as 24 horas do día todos os días do ano, pero, como convencemos ao noso target de que merque nela? Nunha tenda física o vendedor pode ver a actitude do comprador, o seu grao de interese polo produto e ler entre liñas a súa linguaxe corporal para saber que dicir para convencelo, pero todo isto non existe no comercio electrónico. Quen informa e de que xeito o fai aos potenciais clientes? Como se convence a un posible comprador indeciso?
A ficha de produto sustitúe ao vendedor dunha tenda física, de aí a importancia de coidala ao detalle. Toda a información que ofrezamos sobre un artigo a través da ficha será quen decante a balanza na maior parte de ocasións nas que un cliente potencial estea ante a toma de decisión de mercar ou non facelo. Unha descrición interesante, atractiva e cercana convencera ao cliente potencial de que precisa ter o que lle queremos vender.
Unha boa ficha de produto debe conter: descrición, propiedades, especificacións ou manual de uso (no caso de precisarse), categoría e imaxes.
1.- Descrición:
Se temos, por exemplo, unha tenda multimarca con produtos que non son fabricados por nós, estamos ofrecendo o mesmo que a nosa competencia. En que podemos superala? Na experiencia de compra. Non é o mesmo facer clic nun produto e que saia unha foto pixelada e o nome do artigo que atopar unha información interesante, unhas imaxes atractivas, as súas especificacións técnicas e o manual de uso. Para comezar, non precisamos ir a outra páxina a ampliar información para acabar de convencernos -se o cliente potencial abandona a nosa páxina pode terminar mercando ese mesmo produto noutra- e a sensación de transparencia será moito maior.
2.- Propiedades:
Non se trata só de engadir adxectivos que expliquen o “marabilloso”, “fantástico” e “estupendo” que é o noso produto senón que tamén é importante engadir características propias do artigo que queremos vender, as que o converten en diferente a outros.
3.- Especificacións e manuais:
Son moi útiles cando se trata de tecnoloxía ou electrodomésticos, por exemplo. Neste caso, precisaremos saber o consumo dunha lavadora ou o número de quilos que soporta en cada lavado. Ademais, que o manual estea dispoñible para descargar na propia ficha do produto será un plus, xa que o cliente poderá volver a entrar non futuro para atopalo ou poderá consultar o seu funcionamento antes da compra.
4.- Imaxes:
É moi importante coidar a imaxe da nosa web, pero tamén as fotografías que usamos para os nosos produtos. Sempre é recomendable apostar por imaxes propias, pero non pixeladas, con bo enfoque e un toque artístico. Non sempre é posible esta opción, así que é mellor utilizar as imaxes do fabricante que usar fotografías de baixa calidade, escasa resolución, mal encadradas ou que, en xeral, non acheguen unha sensación positiva do noso produto e tenda.
En definitiva, canto máis complexa e coidada sexa a ficha do produto, menos posibilidades haberá de que un cliente potencial acuda a outra páxina para informarse ou mercar ese artigo.