Protagonistas

Rockbox: Instrumentos de alta calidade coa asesoría dun guitarrista profesional

Francisco e Guillermo Borrego dirixen Rockbox Overdrive Shop, unha tenda de instrumentos de alta calidade, adicada a profesionais e apaixoados da música que queren tocar a calquera nivel e desfrutar da experiencia de elixir o seu equipo con eles. Levan 10 anos con este negocio e 7 deles na rúa José Luis Cepeda da Coruña, porque o local inicial lles quedou pequeno.

O seu concepto de negocio pasa por ofrecer o que Francisco, como guitarrista, querería que fora unha tenda de guitarras: “moi especializada, cunha filosofía centrada en quen está ao outro lado do mostrador e eliminando todo no que non sexa profesional, non vendo chelos nin instrumentos que non controlo”. Gracias aos seus coñecementos de primeira man como guitarrista pode ofrecer información e asesoría sen fisuras.

Conta con ilusión e nostalxia a historia que o levou a montar Rockbox: “O meu irmán regaloume a miña primeira guitarra eléctrica cando era un crío e probablemente por ese agasallo acabei tendo a miña propia tenda e ao final el, que estaba nun sector completamente diferente, terminou traballando comigo na tenda”.

“Nunca Internet poderá loitar contra o trato persoal que ofrecemos nós hoxe por hoxe, que é o que nos fixo medrar ata agora”

Non vender online foi unha decisión consciente porque a súa vantaxe competitiva, a asesoría que poden ofrecer aos seus clientes, pérdese. Non queren ser unha tenda de guitarras máis nin “unha cuota de mercado impersoal”.  “Nunca Internet poderá loitar contra o trato persoal que ofrecemos nós hoxe por hoxe, que é o que nos fixo medrar ata agora”, comenta Francisco. “Ofrecemos un servizo posventa moi amplo e temos taller, así que calquera incidencia, fallo, dúbida ou consulta que haxa ou calquera necesidade que xurda podemos atendela rapidamente”. Entenden que no futuro poden ter que acabar vendendo online, pero a súa idea é manter esta filosofía de negocio no tempo que sexa posible.

En Rockbox souberon ver moi ben o potencial da súa tenda: asesoran aos seus clientes sobre a súa paixón pola música para que poidan mercar a gusto e desfrutando da experiencia de compra. Unha experiencia de compra positiva, que xa arranca co marketing sensorial nada máis entrar na tenda -“as guitarras ulen moi ben, o chan de madeira xunto co cheiro a vainilla das lacas de guitarra lle dan un cheiro especial á tenda”-, é un xeito moi eficaz de fidelizar ao cliente.

Pero non só fidelizan a apaixoados da música anónimos, tamén adoitan ir á súa tenda guitarristas e músicos famosos, nacionais e internacionais, pero lonxe do trato propio de fan “que saca o móbil e quere poñer fotos en redes sociais”, apostan por tratalos como a un cliente máis, para que se atopen a gusto, no anonimato. Gracias a isto conseguen que volvan.

A maior parte do seu negocio son guitarras eléctricas, acústicas e accesorios para elas, como pedais eléctricos, dos que teñen múltiples modelos. Teñen máis de 200 guitarras colgadas en exposición na tenda.

PROMOCIÓN  DO NEGOCIO

Cada ano destinan unha cantidade a publicidade, tanto en radio, prensa en papel como sitios online, redes sociais, etc. O seu Black Friday é “unha festa”. Invitan á xente a tomar algo na tenda, con música, e o gran gancho é que hai produtos a un prezo moi baixo pero a xente nunca sabe cales serán, polo que se achega á tenda a comprobalo. No Black Friday achégase xente de xeito ininterrompido á tenda, “igual unhas 200 persoas”. “Ese día notamos o agarimo dos clientes porque veñen e levan cousas que nin sequera están en promoción”.

A web para eles é vital. A pesares de que é só informativa, dende que a abriron notárono moitísimo. Xente doutras cidades de Galicia sabe que existe, o horario de apertura e o tipo de servizo e produto que ofrecen. Están tamén en Facebook e Instagram.

En canto á música que se escoita no local, apostan pola das bandas locais da Coruña, poñen os seus discos na tenda para axudar a dalas a coñecer.

 

FICHA:

WEB: http://www.rockbox.es/
FACEBOOK: http://www.facebook.com/rockbox.rockboxcoruna
INSTAGRAM: https://www.instagram.com/rockboxcoruna/

Síguenos

Nas redes