Protagonistas

Maow: “Cousas bonitas feitas por xente bonita”

Lydia González Dios, arquitecta e interiorista, é a creadora de Maow, un estudio creativo que naceu a finais de 2012 e desde fai dous anos está na rúa San Andrés da Coruña. Vende “cousas bonitas e orixinais de marcas pequenas, galegas e españolas, a maioría son edicións limitadas de produtos moi exclusivos”. Distínguese de tendas de decoración multinacionais, cadeas e bazares chineses polo tipo de produto e o rango de prezos, que se ben son un pouco máis elevados, dificilmente se pode atopar neles algo exclusivo e diferente”.

Para captar novos clientes e fidelizar os que xa ten, desenvolve accións puntuais como promocións, agasallos de artigos propios ou envíos de newsletters.

“Vendemos cousas bonitas e orixinais de marcas pequenas, galegas e españolas, a maioría son edicións limitadas de produtos moi exclusivos”

“Ao principio non lle demos moita importancia á web porque estabamos moi centrados en recuperar a vida de barrio, pero a través das redes sociais, especialmente de Instagram, apareceu un público moito máis amplo, interesado nos nosos produtos, e vímonos obrigados a vender online”. A tenda online axúdalles a repuntar semanas complicadas, é un complemento moi importante, “agora mesmo nunca pensariamos nunha tenda física sen a online”, comenta. As súas vendas a través da rede adoitan supor un 40% do total, porcentaxe que aumenta en datas como Nadal, onde pode atopar o 60%.  A pesares disto, moitos dos seus artigos non están á venda na súa tenda de Internet.

Falando da selección de produtos para a súa tenda, Lydia afirma: “Non vendo nada que eu mesma non mercaría, porque non tería argumentos para xustificar por que mercalo”.

O 90% dos produtos teñen moi boa acollida, non adoitan estar máis dun mes ou mes e medio en tenda.  Os artigos que teñen mellor acollida son os de papelería e oficina e as pinturas ecolóxicas. Leva case cinco anos vendendo a pintura e ten moi boa acollida. Ademais, nesta nova tenda tamén recupera mobiliario antigo, que é o que máis lle gusta. A xente lévalle mobles antigos e ela, aproveitando a súa creatividade, recupéraos.

Ademais, no seu estudio Lydia acolle talleres creativos de múltiples temáticas relacionadas co deseño e o desenvolvemento do talento e da creatividade.

Os seus obxectivos a medio prazo son contratar a dúas persoas para a tenda e adicarse a súa outra vía de negocio, baseada no interiorismo e a recuperación de mobiliario, porque dende que cambiou á rúa San Andrés non dispón de tanto tempo para os deseños propios.

Recomenda a quen queiran abrir un negocio un curso de asesoramento para poder calcular moi ben os riscos, testear ideas, medir pros e contras da inversión e tentar comezar cunha inversión mínima porque “sempre hai tempo de medrar”.

UN PROXECTO SOLIDARIO

Cando chega o Nadal, a través de colaboracións con ilustradores, vende postais solidarias. Trátase dun proxecto que leva varios anos en funcionamento e tivo moi boa acollida. Os beneficios íntegros que se derivan desta iniciativa van destinados outras solidarias de Cáritas, Save the children ou becas comedor de Educo para nenos.

 

FICHA:

WEB: http://www.maowdesign.com/
FACEBOOK: https://www.facebook.com/MaowStudioShop
TWITTER: https://twitter.com/MAOWstudioshop
PINTEREST: https://www.pinterest.com/lydiagdios/
INSTAGRAM: https://instagram.com/maowdesign

Síguenos

Nas redes