Protagonistas

Olga Amado, de La canalla Gourmet: “Os que abrimos novos negocios intentamos penetrar no mundo do comercio 360”

olga3Logo duns cantos anos de patear feiras internacionais de alimentación como técnica de exportación dunha empresa galega, Olga Amado quixo facer camiño pola súa conta e risco, poñendo en marcha unha tenda de delicias que ata entón non se podían atopar na Coruña. “Nas miñas viaxes vía produtos que non atopaba aquí e decidín ser eu quen os trouxese”. Ao mesmo tempo, consideraba fundamental coidar o packaging, algo que botaba moi en falta na cultura da alimentación en Galicia: “Non podemos poñer a calidade do produto como escusa para descoidar a presentación, eu quería unir a calidade coa estética, que che apetecese regalar ou ter iso na túa casa por ser algo bonito, que loce”. Por iso encárgase de decorar ela mesma as caixas que encerran todo tipo de manxares, “de modo que cada unha sexa diferente”.

Un aspecto que tamén coida con esmero na decoración da tenda. Por iso é polo que ‘La Canalla Gourmet’ , situada nas inmediacións da coruñesa rúa Real, non deixa indiferente a quen pasa por diante. “Chámalles a atención o aspecto e o nome, todos os días alguén se fai unha foto con el”, sorrí , explicando que o elixiu “porque me gusta Joaquín Sabina e gústame como soa a palabra canalla, a xente nova asóciao con algo atrevido”. Aínda que a súa clientela é de todas as idades, sabe que chamarse así lle axuda a diferenciarse de negocios máis tradicionais onde che atenden “con camisa branca e chaleco”, mentres que “eu levo vaqueiros rotos e alpargatas”.

“Os meus clientes usan o Facebook de escaparate, ven o que teño e me chaman para facer o pedido”

Esta imaxe diferenciadora reflexa a súa personalidade e achega ás persoas ao seu local, onde intenta que a xente estea a gusto: “Explícolles o produto, as opcións para consumilo, algúns xa son amigos, contámosnos a nosa vida e aínda que non compren entran a saudar”. Mostra desta empatía é que “ás veces me veñen nenos con 10 euros a pedirme algo para regalar aos seus pais, e iso non son quen de facelo noutro tipo de tendas, xa nin entran”.

Ademais do escaparate físico que renova con frecuencia, non esquece consentir as súas outras fiestras, as de Facebook e Instagram, que moitos dos seus clientes “usan de escaparate, ven o que teño e mándanme unha mensaxe ou me chaman para facer o pedido, ou tamén son a vía pola que se decatan das catas que organizo e así veñen á tenda por primeira vez”. A venda en liña é un paso pendente que Olga sabe que ten que dar, antes ou despois.

olga4“Todos os que estamos abrindo negocios novos estamos intentando penetrarnos no mundo do comercio 360, e igualmente debe facelo o comercio tradicional”, asegura. “A clave é crear tendas non para ti senón para o usuario, xa que logo, non se poden facer as cousas como sempre se fixeron, aínda que ao principio resulte incómodo é necesario estar onde está a xente e adaptarse a ela, non pretender que se adapten ao comerciante”. E exemplifica: “Se a xente usa móbil, se está nas redes sociais, teremos que usar as súas mesmas canles, que ademais son unha parte importante do boca a boca, a min interésame que me sigan en internet, porque así me ven os amigos dos meus seguidores”.

Olga anima a saír da zona de confort: “Hai que buscar constantemente novidades, é o que a xente espera, e que esteamos atentos ás súas peticións, dándolles todo tipo de facilidades para contactar polas novas canles tecnolóxicas, para levarlles o produto a casa e para conseguirlles o que buscan, aínda que non o teñamos na tenda”.

Unha actitude de flexibilidade e colaboración que tamén aplica nas súas relacións cos establecementos veciños. “Afortunadamente, nesta zona están xurdindo novos negocios e apoiámonos entre todos, creo que antes os comerciantes víanse entre eles máis como competidores e iso tamén está cambiando. Ademais alégrame contribuír a recuperar unha zona comercial emblemática, aos poucos vense cousas novas que lle dan un aire diferente ao que viamos nos últimos anos”.

 

FICHA:

WEB: http://www.lacanallagourmet.com
FACEBOOK: https://www.facebook.com/lacanallagourmet
INSTAGRAM: https://www.instagram.com/lacanallagourmet

 

Síguenos

Nas redes