Comercio 360 Novas Tendencias

Entrega dos Premios do Comercio Galego 2018

18,30h.-    O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asisitirá á entrega de Premios do Comercio Galego 2018. Na sala CINC (monte Gaiás, s/n). foto xoán crespo 04/12/2018

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, presidiu onte a entrega dos Premios do Comercio Galego 2018, na que destacou que os galardoados neste certame deixan patente que o comercio de proximidade sabe reinventarse para afrontar novos retos. Del mar al plato, Le Petit Coin, Tobarix, The Cosmethics e Sémola foron os proxectos gañadores na edición deste ano.

Nesta ocasión, o Premio Comercio de Galicia 2018 recaeu en Del mar al plato, unha peixería viguesa que vende on line e de xeito presencial, e que envía a empresas e domicilios o produto das lonxas galegas, sen intermediarios, en menos de 24 horas.

Na Coruña, resultou gañador o establecemento compostelán Le Petit Coin, con moda e decoración centrada nos máis pequenos. Entre outros aspectos, o xurado destacou que empregan o chat como nova canle de márketing, así como o deseño da súa páxina web e a presenza en redes sociais.

En Lugo, resultou premiado o bazar Tobarix, un comercio con gran tradición do que se destaca, ademais do seu uso da rede, a participación en diferentes iniciativas de dinamización comercial e a súa implicación na vida da cidade.

No que respecta a Ourense, o recoñecemento correspondeulle a The Cosmethics, unha tenda de cosméticos naturais e orgánicos de alta gama con sede en Allariz e que desenvolve boa parte da súa actividade a través do comercio electrónico, con envíos totalmente personalizados e orientando en base ao tipo de pel de cada persoa.

No tocante á provincia de Pontevedra, prémiase o negocio vigués Sémola, dedicado á elaboración de pan e doces. Á hora de conceder o galardón, destácase o deseño das tendas, a presenza on line e a posta en marcha de campañas promocionais. Do mesmo xeito, tamén se destaca a elaboración de produtos pensados especialmente para nenos, con packaging propio deseñado por unha ilustradora.

Ademais, dentro dos Premios do Comercio Galego tamén se inclúe o premio Iniciativa Dixital, para asociacións de comerciantes. Nesta categoría elíxese entre aquelas asociacións que poñan en práctica proxectos tecnolóxicos vencellados ao comercio que inclúan presenza na rede, utilización de novas tecnoloxías e que incrementen a fidelización e os servizos prestados aos clientes. Resultou gañadora a Asociación de Empresarios do Deza, pola súa iniciativa de fidelización APP bigpoint, unha aplicación que permite aos usuarios acceder ás ofertas do comercio local e recuperar parte do importe das súas compras para realizar outras.

O Premio Comercio de Galicia está dotado cunha contía de 3.000 euros; o Premio Comercio Provincial, cunha contía de 2.000 euros por provincia; e o Premio Iniciativa Dixital para asociacións de comerciantes, cunha contía de 1.500 euros.

Na súa intervención, Conde, que destacou o enorme esforzo que está a realizar o comercio galego por adaptarse ás cada vez máis esixentes demandas dos consumidores. Neste sentido, as prioridades da Xunta neste eido para o próximo ano seguirán sendo a dixitalización e a innovación do sector, un ámbito ao que se destinará preto dun 12% máis no orzamento.

Síguenos

Nas redes