Protagonistas

Mercedes Zaldívar, de Las Merceditas de Iria: “A miña maior satisfacción son os parabéns que recibo por internet”

Azafata de voo durante once anos, un día Mercedes Zaldívar quixo cambiar de vida e poñer os pés na terra. “Necesitaba volver a casa, xa me perdera os primeiros anos dos meus dous sobriños e cando chegou o terceiro, dixen: este non mo perdo”.

Animada pola súa irmá e pola súa afección á moda dos máis pequenos, comezou como franquiciada de calzado infantil pero enseguida comprendeu que tiña que poñer en marcha o seu propio proxecto. “Non o fixen desde o primeiro momento porque dábame medo, pero logo te dás conta de que non é tan difícil se pelexas e indagas un pouco”.

Así naceu fai cinco anos Las Merceditas de Iria, cun nome que alude ao coñecido calzado de nenas, á emprendedora que o rexenta e, sobre todo, á súa sobriña maior, Iria, unha das culpables da aterraxe definitiva de Mercedes.

“O meu marido chegaba ás sete do traballo e os dous poñiámonos con dous computadores a subir os produtos á web”

Detrás do novo negocio, incontables horas de traballo pero, sobre todo, o gusto de “facer o que queriamos”. Desde o primeiro momento fíxose visible nas redes sociais, con perfís en Facebook e Instagram, aos que logo sumouse a tenda en liña: “O meu marido chegaba ás sete do traballo e os dous poñiámonos con dous computadores a subir os produtos á web ata ben entrada a madrugada”. O mantemento diario é máis fácil, unha vez feito o esforzo inicial de envorcar o groso dos datos.

Para Mercedes, as redes sociais son claves. Por estas canles chegan clientas de calquera punto xeográfico. Entre elas, prescriptoras de moda como Eugenia Silva, Alba Carrillo ou Malena Costa, que á súa vez se fan eco da tenda pontevedresa ante as súas audiencias na internet. “O primeiro contacto de Eugenia coa tenda foi unha mensaxe privada por Instagram, cando aínda nin tiña a tenda en liña”, lembra, agradecida polo trato xeneroso que á súa vez recibe destas profesionais de renome.

merceditas3Ten claro que as novas tecnoloxías son esenciais no comercio actual, á vez que coida ao máximo a experiencia do cliente no punto físico de venda mediante a decoración, a imaxe de marca, a celebración de showrooms, as pop up store de verán en Sanxenxo e, moi especialmente, o trato amable, porque “non me interesa vender o primeiro día senón que a xente volva e que llo conten ás súas amigas”.

Con detalles que son a esencia do comercio de proximidade: “Se as coñezo dígolles que leven o calzado e próbeno con calma en casa, e ese tipo de cousas agradéceno máis que un desconto, porque lles facilitas a vida”. Un trato confiado que exerce tanto con veciños como cos comerciantes da súa contorna. “Enviámonos clientes uns a outros, en función dos gustos e necesidades que detectamos nas persoas”.

“Aínda non sei moi ben como farei… pero este verán abriremos igualmente unha pop up store en Sanxenxo”

“Levo moitos anos traballando cara ao público e a miña maior satisfacción son as mensaxes de agradecemento que recibo por internet, cando por exemplo unha nai dime que a súa filla foi feliz na súa Primeira Comuñón, que non se quixo cambiar de vestido, e logo vén á tenda para darme un recordatorio ou unha pulseiriña de recordo, cousas así compensan todo o esforzo e os malos intres, que tamén os hai”, recoñece.

A cabeza de Mercedes é un fervedoiro de ideas e xa está lista para dar o próximo paso: a presentación da súa propia liña de zapatos, este outono, en Pontevedra e Madrid. “Sempre o quixen facer e é a miña ilusión”. Unida á do seu primeiro fillo que nacerá este mes de agosto. “Aínda non sei moi ben como farei… pero este verán abriremos igualmente unha pop up store en Sanxenxo, tamén con artigos doutras persoas que coñecín como clientas e que agora, ademais de facer negocios xuntas, somos ante todo amigas”.

FICHA:

WEB: http://www.lasmerceditasdeiria.es/
FACEBOOK: https://www.facebook.com/Las-Merceditas-de-Iria-145417992229040/
INSTAGRAM: https://www.instagram.com/lasmerceditasdeiria/

Síguenos

Nas redes