Comercio 360 Novas Tendencias

Las Merceditas de Iria, Clothes&Co, Moito Conto, Filament2Print e Blue Popelina gañan os premios Comercio 360

O 13 de novembro, nunha gala cargada de sorpresas e emoción presidida por Francisco Conde, conselleiro de Economía, entregáronse estes galardóns, que constitúen un recoñecemento institucional e social a aqueles que apostan pola innovación e o inbound marketing.

Las Merceditas de Iria, unha tenda pontevedresa de moda infantil, foi a gañadora dos premios Comercio 360 Pontevedra e Comercio 360 Galicia, recibindo unha dotación total de 3.000 euros. 


Os 1.500 euros do Comercio 360 Ourense foron para Clothes&Co, unha tenda de roupa e complementos de muller, e os do Comercio 360 A Coruña para Moito Conto, unha libraría cunha forte aposta TIC.

O premio E-commerce, dotado con 1.000 euros, recaeu en Filament2Print, unha empresa con sede en Ordes (A Coruña), especializada na distribución de produtos relacionados coa impresión 3D.

En canto ao premio Social Commerce, cunha contía de 1.000 euros, foi outorgado a Blue Popelina, unha tenda de moda online multimarca que vende produtos deseñados e fabricados en España.

Podedes ver os vídeos dos premiados a través da canle Youtube do Portal do Comerciante.

UNHA GALA MOI EMOTIVA

Os galardoados na edición 2016 foron os encargados de repartir os premios este ano. Todos coincidiron en agradecer o pulo económico e motivacional que lles achegou o recoñecemento nos Comercio 360 2016 ao tempo que animaron a seguir xerando sinerxias que fagan medrar ao sector.

Non houbo dúbida da sorpresa de todos os premiados ao subir a recoller os seus respectivos galardóns, que amosaron o seu agradecemento á administración pola axuda e o apoio recibidos.

Na foto, a propietaria de Las Merceditas de Iria, emocionada tras escoitar o seu nome entre os premiados.

OS RETOS DO PEQUENO COMERCIO

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, falou do constante reto que supón para o comercio de proximidade o subir ao carro das novas tendencias en Internet, do marketing dixital e da aposta polo Social Commerce.

Neste senso, a Xunta continuará o próximo ano coa súa aposta por axudar ao crecemento do sector e os orzamentos destinados para tal fin medrarán en 2018 nun 10%.

 

Síguenos

Nas redes