Protagonistas

Iris e Eli, de Vaidhe, “esperamos chegar a un 50% de vendas vía online”

Iris Villot e Elisa De Agüero son as creadoras de Vaidhe. A idea xurdíu das súas propias aficións: son dúas deseñadoras gráficas ás que lles encanta o deseño, a publicidade e a ilustración, que detectaron que había unha falta de oferta en tenda física para o tipo de produto do que son apaixoadas. Ilustracións, fundas de gafas, estuches, imáns, libretas, libros ilustrados, chaveiros…  son algúns dos artigos de deseño orixinal e coidado que se poden atopar na súa tenda física e online. O 70% do que venden é produción galega, artigos que se deseñan e fan aquí que non teñen un prezo excesivo pero si un deseño exclusivo.

Venden deseño propio e alleo. Moitas veces deciden deseñar un produto porque non o atopan nos seus distintos proveedores, porque lles falta ese tipo de artigo na tenda ou simplemente porque lles xorde a idea a raíz dunha necesidade ou nun momento de inspiración.

Iris coméntanos que á hora de montar un negocio “é moi importante que che guste o que montes, porque vas estar 16.000 horas, estudar moito a zona e mover as redes sociais. Temos proveedores estupendos que non moven as súas redes sociais e para nós é fundamental”.

“Arredor do 20% das nosas vendas son a través de Internet e esperamos chegar a un 50% de vendas vía online”.

As canles de venda que máis lle funcionan son a tenda física e Instagram, de feito conseguen máis vendas a través desta rede social que a través da propia web. Arredor do 30% das vendas totais son a través de Internet pero, tal e como explica Iris, “esperamos chegar a un 50% de vendas vía online”.

Para manter o interese no cliente acaban de lanzar unha tarxeta de fidelización, soen montar sorteos, promocións, ofrecen vales regalo e están ademais colaborando con asociacións de Vigo.

Un dos grandes potenciais do seu negocio é o escaparate, unha cristaleira moi ampla a través da que quen dea un paseo polo casco antigo poida ver algo distinto ao que está afeito. Acabaron no seu local actual porque de casualidade se enteraron de que quedaba baleiro, vírono e namoraron del. Son case 50m2 facendo esquina entre dúas rúas: a entrada ao casco antigo e a rúa de subida do porto.

En canto á influencia do turismo no seu negocio, Iris comenta: “Case non nos inflúe, o dos barcos é un turismo que para a xantar e non merca en todas as cidades, o que si nos merca é o que pasa unha semana en Vigo”.

Os seus criterios á hora de seleccionar que produtos incluirán na súa tenda e cales non terán esa sorte pasan por que o deseño ou a produción sexa de España, que o produto sexa de calidade e estea ben feito e, ademais, que lles guste, porque convertiron a súa afición no seu negocio.

 

FICHA:

WEB: https://www.vaidhe.com/
FACEBOOK: https://www.facebook.com/vaidhe/
INSTAGRAM: https://www.instagram.com/vaidhe/

 

Síguenos

Nas redes