Protagonistas

Iria e Xulián, de Xiro, “queremos manter a dignidade dunha castigada industria téxtil”

Voltar aos orixes para apostar pola produción local, utilizar tecidos ecolóxicos e respectar os dereitos dos consumidores e dos traballadores son as liñas que marcan a filosofía de Xiro, unha startup galega que vende ecojeans por toda España dende hai tres anos.

Santiago, A Coruña, Ourense e Madrid son os puntos de máis vendas de Xiro, onde os seus clientes, maioritariamente entre 30 e 50 anos, valoran moi positivamente que esta firma galega aposte por ofrecer produtos únicos de fabricación tradicional 100% responsables.

“O social commerce é moi efectivo para o noso tipo de produto, por iso coidamos moito a nosa imaxe e damos moitas facilidades na páxina web para a compra”

Utilizan algodón orgánico certificado co Global Organic Textile Standard (GOTS) para a fabricación dos vaqueiros, e materiais de baixo impacto medioambiental como aleacións de zinc para as cremalleiras. Este certificado só se obtén superando con éxito as auditorías de tódalas fases do proceso de creación dunha prenda de roupa.

A nivel de elaboración, destacan a súa aposta polo selo “Feito en Galicia”: costureiras da nosa comunidade autónoma elaboran as creacións de Xiro a escasos quilómetros de Santiago de Compostela. Así conseguen condicións laborais xustas e reducen as emisións derivadas do transporte de mercadorías nunha clara aposta polo emprego digno en Galicia, algo que deixan moi claro na sección de certificacións da súa web, toda unha declaración de intencións.

xiro-smartcommerce-xunta2

“Medrar vendendo este produto é complicado porque a xente está habituada a outros xeitos de consumo no téxtil, pero en canto o proban quedan moi contentos”.

Teñen os seus jeans á venda en tendas escollidas estratexicamente en toda España, especialmente en Galicia, Barcelona e Madrid. Adoitan apostar por vender as súas creacións en puntos que teñen unha filosofía similar á súa.

XIRO E O E-COMMERCE:

En canto ao seu modelo de negocio, a venda online supón arredor do 33% dos seus ingresos. En concreto Santiago de Compostela é a cidade dende a que reciben maior número de compras.

Xulián ten clara a súa forma de ver o negocio: “O social commerce é moi efectivo para o noso tipo de produto, por iso coidamos moito a nosa imaxe e damos moitas facilidades na páxina web para a compra”.

xiro-smartcommerce-xunta

Sobre a rede, dinos: “Eu penso que é importante estar presente en distintos sitios de Internet, ter unha páxina web atractiva, con todo ben explicado, deixar clara a túa filosofía, que os produtos sexan accesibles, as condicións de pago fáciles e coidar a atención ao cliente, sobre todo no Facebook, que é a canle onde podes falar con el, e en Instagram”.

FICHA:

WEB: www.xiroeco.com
FACEBOOK: https://www.facebook.com/xiroeco/
TWITTER: https://twitter.com/XiroAtlantic
TUMBLR: http://xiro-ecojeans.tumblr.com/
INSTAGRAM: https://www.instagram.com/xiroatlantic_denim/

Síguenos

Nas redes