Presentacions

Conde salienta en Lugo o papel das novas tecnoloxías para continuar reforzando o comercio de proximidade galego

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe nun encontro de networking con comerciantes de Lugo o papel clave das novas tecnoloxías para continuar reforzando o comercio galego que, tal e como sinalou, está a ser clave na recuperación económica grazas ao esforzo dos empresarios e traballadores do sector. Neste sentido, o conselleiro lembrou que en 2015 as vendas do comercio subiron en Galicia un 4,5%, mentres que no conxunto do Estado se incrementaron un 3,6%, situándose a comunidade como a cuarta cun maior incremento.

Na xuntanza, que se celebrou na sede da Federación Galega de Comercio, Conde tivo a oportunidade de escoitar as propostas dos empresarios e de achegarlles as diferentes ferramentas e programas de apoio ao sector, que emprega máis de 20.000 persoas na provincia de Lugo, remarcando a importancia de introducir medidas innovadoras, melloras na imaxe e novas fórmulas de xestión para facer fronte aos retos que plantexan os consumidores.

Neste sentido, na súa intervención Conde fixo especial fincapé na oportunidade que supón para o comercio de proximidade a venda a través de internet, apuntando que dentro dos preto de 6 millóns de euros en axudas específicas para o comercio de proximidade galego postas en marcha no que vai de ano pola Consellería de Economía, Emprego e Industria se destinan máis de 3 millóns ao programa de impulso ao comercio 360 e o comercio en liña.

O conselleiro sinalou que a través desta liña de apoio só o ano pasado máis de 150 empresarios da provincia puxeron en marcha preto de 300 proxectos de novos sistemas de comercialización que combinan as vendas on line e off line ou que implican a utilización das redes sociais; de implantación de programas de xestión ou de mellora da imaxe dos seus locais. Lembrou así mesmo Francisco Conde que, segundo os últimos datos do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) as empresas galegas de menos de 10 empregados que venden en internet alcanzaron en 2015 o 10,6%, máis do dobre que o ano anterior.

No encontro o conselleiro sinalou que ademais das axudas específicas para o sector os comerciantes poden acceder aos diferentes apoios para as pemes do Igape ou da área de Emprego, que ten en marcha convocatorias por 20,5 millóns de euros para fomentar e apoiar o traballo autónomo, e resaltou que ademais dos programas de axudas o Goberno galego está a dedicar un importante esforzo ao eido da simplificación administrativa.

Así, fixo referencia á recente activación da oficina Doing Business en Galicia, unha canle de comunicación directa a través de internet para que os cidadáns e empresarios consulten sobre as tramitacións dos seus proxectos, e tamén para que propoñan solucións para a simplificación normativa e a supresión de barreiras burocráticas para a posta en marcha de novos negocios.

Ademais, o conselleiro remarcou o importante labor que desenvolven na dinamización do sector as asociacións de comerciantes, ás que tamén se destinan cada ano diferentes liñas de axudas.

Síguenos

Nas redes