Tendencias

A importancia de ter un bo buscador nun ecommerce

Ademais de ofrecer un bo produto e un bo servizo de envío e postvenda, existen outras claves para o correcto funcionamento dunha tenda online. Se ben a canle é completamente diferente a unha tenda convencional, temos certas maneiras de suplir as carencias da falta de cercanía do noso dependente co cliente potencial. Imos facer un repaso polas máis importantes.

O BUSCADOR, O ALIADO NA NOSA TENDA ONLINE

Cando mercas nunha tenda online, o buscador é o dependente que te axuda a encontrar aquilo que precisas, por iso é moi importante que funcione correctamente e non descoidar o seguinte:

1.- Categorizar ben os produtos:

Teñen que ser fáciles de atopar para os clientes potenciais do teu negocio: non poderán mercar o que non poidan atopar. Por iso é fundamental que os produtos estean ben organizados dentro da web e sigan unha estructura lóxica.

Nunha tenda física funciona moi ben utilizar carteis indicativos de onde se pode atopar cada familia de produto. Na tenda online estas familias virían representadas polas categorías. Trátase de facer aos posibles clientes un “mapa” de localización de produtos dentro da web.

2.- Describir correctamente os produtos:

Nunha tenda física un vendedor explica ao comprador os pormenores de cada artigo. Na tenda online esa tarefa está delegada na descrición do mesmo. Por iso ten que ser ampla, interesante e non copiada doutras webs onde se vendan eses produtos. É o fío de comunicación que convencerá ao cliente de que se trata dunha opción de compra moi interesante, por iso debemos coidar moito os contidos das descricións dos produtos: claras, concretas e atractivas.

3.- Buscador con tolerancia aos erros ou fallos de busca:

Quen non premeu unha tecla por erro no ordenador? Pois no caso do móbil é aínda moito máis fácil e común confundir unha letra. Por iso é importante que o buscador sexa tolerante aos erros de escritura e que se o comprador escribe “toslla”, o buscador teña a capacidade de entender que se refire a unha toalla.

4.- Sinónimos:

Pantalón, pantalóns, jeans, texano, vaqueiro, vaqueiros… múltiples palabras poden ser usadas á hora de buscar un artigo que queremos mercar. Por iso é importante que usemos sinónimos que os potenciais clientes poidan utilizar para facer a súa busca na nosa tenda.

5.- Buscador estructurado:

Esta ferramente permite ir engadindo ou seleccionando características dentro dun produto. É moi útil cando moitos artigos se atopan dentro da mesma categoría. Por exemplo: cando buscamos un teléfono móbil, que permita seleccionar o tipo de sistema operativo, o tamaño da pantalla, a marca, os megapíxeles da cámara… etc. Isto permitirá ao cliente ver os productos que lle ofrecemos que son acordes ás súas expectativas ou necesidades.

Unha vez atopamos o produto ou produtos que estabamos a buscar ou aqueles que o buscador estructurado nos permitíu localizar como coincidentes coas nosas necesidades, é o momento de prestar atención á ficha do produto.

6.- Produtos relacionados:

É interesante tamén ofrecer ao comprador artigos relacionados co que buscou. Se é unha cámara de fotos, tarxetas de memoria, obxectivos, fundas, etc; se é un xersei, prendas ou complementos que irían a xogo con el para completar a súa compra.

Como vimos, o buscador é o responsable de que quen entre no noso ecommerce atope de forma eficiente aquilo que está buscando e non se frustre durante o proceso de compra.

Síguenos

Nas redes