Comercio 360 Novas Tendencias

Convocatoria dos Premios Artesanía de Galicia 2019

 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria dos Premios Artesanía de Galicia 2019 que constan de tres modalidades: Premio Artesanía de Galicia 2019, dotado de 9.000 euros, Premio Traxectoria, de carácter honorífico e Bolsa Eloy Xesto, dotada de 4.000 euros para investir en formación especializada nun centro de prestixio. As solicitudes poderanse presentar entre o 14 de setembro de 2019 e ata o 21 de outubro de 2019 tal e como se recolle na convocatoria publicada hoxe.

O Premio Artesanía de Galicia está dirixido a talleres artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual: deseño, adaptación ou conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, incorporación de tendencias, innovación e calidade da obra.

O Premio Traxectoria ten carácter honorífico e será outorgado atendendo ás propostas do propio sector. O obxectivo é recoñecer a traxectoria profesional consolidada dun profesional da artesanía galega, a súa contribución, calidade e compromiso coa divulgación e coa transmisión dos principais valores positivos no campo da nosa artesanía. O galardón está dirixido a artesáns en activo ou retirados que estean ou estivesen inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cunha actividade mínima e demostrable no sector de, polo menos, 20 anos. As candidaturas poderanas presentar talleres rexistrados, asociacións profesionais de artesáns de Galicia ou outras entidades públicas ou privadas.

A través da Bolsa Eloy Xesto a Xunta busca potenciar a substitución xeracional no sector, o acceso de novos talentos á artesanía e a súa profesionalización. Premiarase a candidatura que presente unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun taller artesanal de referencia no campo da artesanía e do deseño. Valorarase o carácter innovador do proxecto, a transferencia de coñecemento que se pretende conseguir con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo da persoa candidata e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador. Tamén se terá en conta o grao de madurez, a calidade na presentación da proposta, así como a colaboración entre distintas actividades artesanais. Poderán participar todos os artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia cunha idade máxima de 40 anos no ano 2019.

O xurado estará presidido pola directora xeral de Comercio e Consumo ou persoa en quen delegue. Como vogais actuarán profesionais e persoas expertas de recoñecido prestixio no campo da artesanía, do deseño e do comercio. A secretaría recaerá na persoa xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, que participará con voz pero sen voto. O fallo dos Premios Artesanía de Galicia 2019 farase público nun acto convocado coa debida antelación.

Síguenos

Nas redes