Noela Rivera e Vanessa Datorre están detrás de Boüret, unha firma Prêt-à-couture, cocktail e de noiva enfocada a mulleres que buscan deseños con liñas atemporais, contemporáneas e versátiles, próximas ao estilo parisino e italiano, acordes con aquel dito de Katherine Hepburn que reza “se obedeces todas as reglas, pérdeste o mellor”. Coñecéronse estudando deseño de moda en A Coruña, a vida separou os seus camiños unha tempada -Noela marchou a Londres a estudar Deseño de Vestiario de Cine e Teatro e Vanessa decidiu facer un Máster en Dirección e Xestión de Empresas de Moda- e tras traballar para distintas firmas coñecidas de moda como Inditex ou Carolina Herrera, volveron unirse para emprender un futuro xuntas. Boüret.es foi a primeira tenda online de noivas e lencería de noivas de España e Vogue, Elle, London Wedding Magazine, 20 Minutos, Web Novias, entre outros, recoñeceron xa as bondades dos seus deseños.
Pese a que recoñecen que “os principios foron lentos e un pouco difíciles e custou facerse un nome”, aseguran estar moi contentas porque “a día de hoxe Boüret xa se coñece” e “a resposta da xente está sendo moi boa”.
En canto ás súas vendas, explícannos que “varían segundo a tempada. Agora mesmo estamos en tempada de noivas e a partir de xaneiro e febreiro voltamos máis a invitadas. Vendemos máis de invitadas por un motivo obvio: hai máis invitadas ca noivas”.
Encántalles deseñar e confeccionar vestidos de noiva porque “o presuposto é máis elevado e entón poden invertir máis en tecidos, encaixes, confeccións…”. Para elaborar un piden arredor de seis meses, para respectar os tempos de recepción de tecidos, probas, etc. En canto a tendencias, recoñecen que o 70% das súas clientas casan polo civil e que os seus modelos están máis enfocados a este tipo de vodas, con liñas máis atrevidas, máis escotes e velos opcionais.
A IMPORTANCIA DE INTERNET
Coidan moito a súa imaxe en Internet porque a canle online supón arredor do 50% das súas vendas. Levan vendendo na rede dende 2011 e teñen clara a súa aposta por traballar con grandes profesionais do mundo da fotografía, do deseño web e do entorno dixital, así como do deseño de moda, da maquillaxe e de todos os aspectos relacionados con cada detalle do seu traballo.
Nese dentido ven moi clara a necesidade de apostar por unha presenza coidada en redes sociais porque desde ámbito reciben moi bo feedback: “Instagram é a rede social máis visual e gracias a ela e a Facebook adoitan aparecernos clientes. Se non estás en redes sociais non existes”. A gran maioría da súa clientela é galega, pero tamén vendemos a Extremadura, Madrid, País Vasco e incluso Inglaterra e isto é, en grande parte, grazas á boa xestión da súa presencia en Internet e en redes sociais.
Teñen máis de 37.000 seguidores en Facebook, máis de 15.000 en Instagram e máis de 1.100 en Twitter. “A canle online estanos permitindo conseguir máis ventas sen ter que estar invertindo en publicidade. O custo dunha feira é altísimo e igual non o recuperas, pero no caso da publicidade online tés moitas máis posibilidades”.
Do 25 ao 28 de xaneiro estarán nun Show-room en Madrid, amosando moitos dos seus grandes deseños made in Galicia para noivas.
FICHA:
WEB: http://bouret.es/
FACEBOOK: https://www.facebook.com/bouret.atelier
TWITTER: https://twitter.com/bouret_tweets
INSTAGRAM: https://www.instagram.com/bouretgram/
PINTEREST: https://www.pinterest.com/bouret/