Protagonistas

Antonio e Josefa, de Noroeste Obradoiro: “O futuro esixe estar nas novas canles de venda”

xoieria02 A orfebrería é consustancial a Santiago de Compostela, a cidade labrada en pedra e destino final dun Camiño que ano tras ano seguen percorrendo millóns de peregrinos ata a tumba do Apóstolo. Non moi lonxe desa meta atópase Noroeste Obradoiro, un espazo que actúa á vez como comercio e taller de xoias contemporáneas, rexentado polos dous orfebres autores das pezas, Antonio Ibáñez e Josefa Castro.

O negocio tal e como é agora só ten dous anos de vida pero é a evolución da galería que fai vinte anos Antonio e a súa muller xa falecida puxeron en marcha e onde Josefa comezou como empregada.

A ubicación en pleno casco histórico e a só catro metros do tramo do Camiño de Santiago que pasa por Casas Reais é case unha necesidade anímica, pola vinculación que os seus promotores senten coa identidade cultural da capital galega e porque foxen ex profeso doutro tipo de espazos e formatos comerciais masivos, nos que lles resultaría imposible desenvolver a súa creatividade e explicar o valor que encerra cada unha das súas xoias , inspiradas sobre todo na natureza e as súas formas.

Fronte á versión industrial e estandarizada da xoiería na que impera a redución de custos, Antonio e Josefa reivindican os fundamentos desta expresión artística, baseada “no elemento máxico, diferenciador e íntimo, coa que cada persoa retrátase moito máis que coa roupa, porque nesta inflúen máis os patróns das modas”.

“Algúns clientes fannos novos encargos pola web dende Alemaña, Estados Unidos ou Canadá “

Esa experiencia do “téñoo só eu” é o que ofrecen, e funciona a calquera idade. “Os nosos deseños fidelizan moito, unha vez que entran e compran volven e recorren a nós para calquera agasallo ou necesidade persoal, ata temos clientas que comezaron comprándonos cos seus primeiros cartos aos quince anos”.

“Cheguei a atoparme na rúa cunha moza que levaba unha peza miña que eu nin recordaba: prestáralla a súa nai e logo acabou sendo clienta nosa”.

O deseño do local presaxia que, máis que unha tenda ou lugar de traballo, Noroeste Obradoiro é un punto de reunión ao estilo das antigas reboticas, pero sen necesidade de ocultarse de ninguén. “É un espazo diáfano, desde o escaparate da rúa a xente venos traballando, primeiro entran tímidamente pero aos poucos minutos comezamos a charleta, porque ademais estas aparentes interrupcións no noso traballo véñennos moi ben”.

xoieria01

A procedencia xeográfica da clientela é moi variada, e para eles a web da tenda é fundamental como escaparate. En breve darán o paso á compra en liña, tras adherirse a unha plataforma de recente creación a nivel nacional, especializada en produtos de deseño contemporáneo de carácter moi selectivo. Antonio sabe que “o futuro esixe estar nestas novas canles de venda”, cos que ademais se librarán de apuros como o que pasaron “cando unha señora de Singapur fíxonos un pedido e tivemos que saír pitando á Cámara de Comercio a consultar a normativa vixente para poder facer esta venda”.
Mentres a nova plataforma non está ao cento por cento operativa van arranxándollas cos pedidos que lle entran pola web: “Moitos son estranxeiros que unha vez compraron na tenda e logo seguen as nosas coleccións na nosa páxina e fannos novos encargos desde Alemania, Estados Unidos ou Canadá”. O obxectivo para este ano é crecer a nivel nacional mediante a venda en liña e a presenza en feiras e, en función dos resultados, dar máis adiante o salto a outros mercados servíndose das novas tecnoloxías.

FICHA:

WEB: http://www.noroesteobradoiro.com
Dirección: Rúa Travesa 5, bajo, Santiago de Compostela.

 

Síguenos

Nas redes