Presentacions

A Xunta destaca en Lalín a aposta polo comercio 360

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, mantivo esta tarde un encontro con comerciantes na sede da Asociación de Empresarios de Lalín para presentarlles as novas liñas de apoio ao comercio galego que vén de activar a Consellería de Economía, Emprego e Industria, e que suman máis de 5,7 millóns de euros co obxectivo de continuar a reforzar este sector.

Vázquez Abeal fixo fincapé na nova edición do programa destinado a promover a modernización comercial, o comercio electrónico e o comercio 360, un novo modelo de comercio intelixente que sitúa o cliente no centro da súa estratexia, á que se destinan máis de 3 millóns de euros.

Mediante esta convocatoria, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 18 de febreiro, os comerciantes poden obter apoios de ata 17.500 euros ademais de para a modernización dos establecementos, para a posta en marcha de novos sistemas de comercialización que combinen o comercio online e offline ou que empreguen as redes sociais para a venta, para páxinas webs comerciais, e para ferramentas que melloren a xestión e o deseño dos seus produtos e o desenvolvemento e implantación de novos sistemas de packaging e etiquetaxe.

Tamén se poden beneficiar do programa os obradoiros artesáns, con axudas de ata 11.500 euros, as federacións de comerciantes, con ata 3.000 euros para o desenvolvemento de sistemas de m-commerce (comercio a través do móbil), aplicacións e webs móbiles, e as asociacións profesionais de artesáns, que poden optar a axudas que superan os 39.000 euros para proxectos de deseño e creación de novos produtos a partir da colaboración de dous ou máis artesáns e un deseñador.

Ademais da liña de impulso á modernización e ao comercio 360, a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten aberto o prazo de presentación de solicitudes do programa de apoio ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e das prazas de abastos, dotado con 2 millóns de euros, así como a liña de apoios ás federacións e asociacións de comerciantes de ámbito supramunicipal, dotada con 500.000 euros. A estas axudas hai que sumar as destinadas a impulsar a transmisión comercial, con prazo de presentación aberto ata o 31 de agosto, e as bolsas de formación convocadas pola Dirección Xeral de Comercio, que se poden solicitar ata o 30 de xaneiro.

A activación destes programas, aos que se irán sumando outros ao longo do ano, forma parte do Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego.

Síguenos

Nas redes