Comercio 360 Novas Tendencias

A Xunta activa axudas por máis de 800.000 euros para impulsar a ecoinnovación no comercio de proximidade

 

  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, informou hoxe en Santiago do novo programa co que se busca contar cun comercio máis moderno e competitivo ao tempo que se contribúe ao coidado do planeta.
  • Cos novos apoios facilitarase a adhesión á plataforma de tícket dixital impulsada coa Federación Galega de Comercio e promoverase a utilización de ecoenvases e a posta en marcha de proxectos que favorezan a economía circular.
  • A convocatoria enmárcase na iniciativa Comercio 360, mediante a cal Galicia aposta por “liderar unha verdadeira transformación do sector” anticipándose ás novas demandas e necesidades dos clientes.

 

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, informou hoxe da posta en marcha dun novo programa de axudas por máis de 800.000 euros para impulsar a ecoinnovación no comercio de proximidade galego. Conde, que participou nun encontro celebrado en Santiago da iniciativa Comercio 360, mediante a cal Galicia aposta por “liderar unha verdadeira transformación do sector” anticipándose ás novas demandas e necesidades dos clientes, apuntou que mediante os novos apoios se busca non só contar cun comercio máis moderno e competitivo, senón “contribuír ao coidado do planeta, a través dun comercio responsable e sustentable”.

Mediante o novo programa, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 9 de agosto, os comerciantes poderán adherirse á plataforma de tícket dixital impulsada xunto coa Federación Galega de Comercio. Deste xeito, poderán achegar unha maior comodidade e garantía aos clientes, ao tempo que minimizan o uso do papel e os contaminantes vinculados aos procesos de impresión.

Ademais, promoverase a utilización de ecoenvases, a través de materiais biodegradables e a eliminación progresiva dos plásticos. Tamén se concederán apoios para a implantación e posta en marcha de proxectos que favorezan a economía circular, a través de actuacións como a reciclaxe.

Tal e como explicou Conde, estas axudas diríxense tanto a comerciantes e obradoiros artesanais como a centros comerciais abertos e asociacións de praceiros. Segundo o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, estas medidas demostran como a dixitalización e a innovación axudan á modernización do comercio de proximidade, gañando en competitividade e rendibilidade.

Síguenos

Nas redes