Comercio 360 Novas

A Xunta activa axudas por 5,7 millóns para reforzar a competitividade do comercio vigués

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, mantiveron esta mañá un encontro con representantes de asociacións e do comercio vigués para presentarlles os novos programas de apoio ao comercio galego que vén de activar a Consellería de Economía, Emprego e Industria, e que suman máis de 5,7 millóns de euros co obxectivo de continuar a reforzar este sector.

Tal e como salientou a directora xeral de Comercio, estas axudas permitirán seguir impulsando a modernización e a competitividade do comercio de proximidade vigués. Así, Vázquez Abeal fixo fincapé na nova edición do programa destinado a promover a modernización comercial, o comercio electrónico e o comercio 360, un novo modelo de comercio intelixente que sitúa o cliente no centro da súa estratexia, á que se destinan 3 millóns de euros.

A través desta convocatoria, a Consellería de Economía, Emprego e Industria concedeu o ano pasado axudas por máis de 560.000 euros en Vigo e a súa área. Isto permitiu a máis de 150 comerciantes e artesáns da zona a posta en marcha de novos sistemas de comercialización e información ao consumidor que combinan o comercio on line e o off line, ou que implican a utilización das redes sociais, así como a realización de proxectos de acondicionamento e mellora da imaxe dos establecementos comerciais, entre outros.

Mediante este programa, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 18 de febreiro, os comerciantes poden obter apoios de ata 17.500 euros. Tamén se poden beneficiar do mesmo os obradoiros artesáns, con axudas de ata 11.500 euros, as federacións de comerciantes, con ata 3.000 euros para o desenvolvemento de sistemas de m-commerce (comercio a través do móbil), aplicacións e webs móbiles, e as asociacións profesionais de artesáns, que poden optar a axudas que superan os 39.000 euros para proxectos de deseño e creación de novos produtos a partir da colaboración de dous ou máis artesáns e un deseñador.

Ademais da liña de impulso á modernización e ao comercio 360, a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten aberto o prazo de presentación de solicitudes do programa de apoio ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e das prazas de abastos, dotado con 2 millóns de euros, así como a liña de apoios ás federacións e asociacións de comerciantes de ámbito supramunicipal, dotada con 500.000 euros. A través destas dúas convocatorias a Consellería de Economía, Emprego e Industria concedeu en 2015 en Vigo e a súa área apoios por preto de 380.000 euros, respaldando así o importante papel do asociacionismo na mellora da competitividade do comercio local.

Pola súa banda, o delegado da Xunta fixo especial fincapé no “apoio” do Goberno galego ao comercio de proximidade vigués. Boa mostra disto é, coma especificou, o case 1 millón de euros que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destinou o pasado ano aos sector en Vigo e a súa área a través destas liñas de axudas que hoxe presentaron. Deste xeito, agradeceu a política de Comercio que leva a cabo a Xunta de Galicia na cidade e a súa área metropolitana ademais de animar aos vigueses e aos comerciantes da área a que presenten as súas solicitudes para optar a estas axudas co fin de “adaptar o comercio de proximidade aos novos tempos”.

A estas axudas hai que sumar as destinadas a impulsar a transmisión comercial, con prazo de presentación aberto ata o 31 de agosto, e as bolsas de formación convocadas pola Dirección Xeral de Comercio, que se poden solicitar ata o 30 de xaneiro.

A activación destes programas, aos que se irán sumando outros ao longo do ano, forma parte do Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego.

Síguenos

Nas redes